Paseo por Praia América

Á vista de tanta xente como había onte en Praia América, os veciños da Plataforma MOCIÓN = CORRUPCIÓN paseamos pola veira do mar as nosas bandeiras; percorremos a praia repartindo panfletos entre os bañistas con recortes de prensa, a dirección deste blogue, etc; levamos, en definitiva, as nosas reivindicacións dende Lourido ata Panxón a fin de que se coñezan non só en Gondomar, senón tamén noutros puntos da xeografía galega e española.

Ás 17:00 reunímonos, como estaba previsto, no Pavillón de Deportes de Gondomar onde nos organizamos para chegar a Praia América onde nos engalanamos coas nosas bandeiras azuis para comezar a camiñada. Durante aproximadamente dúas horas e media percorremos a Praia pola area entre a ollada indiscreta dalgúns bañistas, curiosa doutros e molesta duns poucos. Pero, con todo, o paseo foi ben e mesmo algunhas persoas se achegaban a nós para interesarse polo motivo que nos levou a realizar esta actividade.

Deste xeito, con esta actividade cívica, a Plataforma MOCIÓN = CORRUPCIÓN pretende manifestar, unha vez máis, o seu rexeitamento ó novo goberno que se impuxo no noso Concello ó tempo que tenta espallar esta desconformidade polo mundo.

0 comentários:

Enviar um comentário