Gondomar aproba o orzamento entre os insultos dos veciños

O resumo que en La voz de Galicia se fai do pleno do pasado vernes é bastante axustado a realidade. O documento orzamentario, en efecto, foi criticado polo BNG xa que está cheo de erros "e servirá para xustificar os soldos do goberno".

O goberno de Gondomar aprobou onte os orzamentos deste ano entre os insultos dos veciños nunha das xa habituais sesións cargadas de crispación política.

O BNG pediu por prudencia a retirada da proposta ao detectar erros e imprecisións na relación de gastos e ingresos pero a nova maioría de poder aplicou o seu rodete e aprobou o programa económico sen nin sequera debater nin defenderse das acusacións da oposición.

O portavoz nacionalista, Pauliño do Río, reprochou ao edil de Facenda, Carlos Silva, ser o responsable duns orzamentos mal confeccionados por non incluír todas as transferencias de capital provenientes doutras administracións e posuír erros no capítulo de subvencións. Dixo que o documento adoece de todos os conceptos pactados cos traballadores municipais coa firma do convenio e o acordo regulador e tampouco contempla aumentar as achegas a entidade local menor de Morgadáns pola que sempre avogaron os actuais gobernantes cando estaban na oposición.

Pauliño do Río recordou que todos os investimentos programados son froito da xestión realizada por Antonio Araúxo cando era alcalde e que o único esforzo investidor propio do actual goberno son 3.000 euros para a renovación do mobiliario urbano. Os nacionalistas cren que o único obxectivo dos orzamentos é xustificar os soldos e as novas dedicacións exclusivas do goberno. «Son un insulto á cidadanía», criticou Antonio Araúxo.

Numerosos veciños acudiron á sesión para acirrar aos rexedores locais de tránsfugas populares e socialistas e aplaudir ao grupo municipal do BNG. Moitos deles portaron as bandeirolas co emblema «moción corrupción». Os membros do goberno tiveron que escoitar toda clase de insultos vertidos desde o público, que acabou chamando corruptos a berros aos membros do goberno no momento da votación.

Tras o acordo plenario, o alcalde, Martín Urgal, pechou a sesión, non sen antes dar as grazas a todos os asistentes. Os próximos plenos serán ás nove da mañá.

0 comentários:

Enviar um comentário