Unha baixa sospeitosa en Gondomar


Había unha vez nunha pequena localidade da comarca de Vigo un concelleiro sospeitoso de estafar a Seguridade Social…

Así é. Seica un concelleiro da vila de Gondomar, un cómico personaxe da corporación municipal, pediu unha baixa na súa empresa privada para exercer con máis dedicación a súa tan cansa actividade de tránsfuga.

Esta é a noticia publicada nos medios:

Un detective constatou que o edil do goberno gondomareño Carlos Cabaleiro seguía traballando no Concello mentres na súa empresa crían que estaba inactivo

Un detective infiltrouse no Concello de Gondomar o pasado mes de xullo, días logo da presentación da moción de censura que apeou do goberno ao BNG. O seu obxectivo foi investigar un dos compoñentes do novo goberno gondomareño, o edil fiel a Alfonso de Lis Fiuza, Carlos Cabaleiro. Foi contratado pola empresa na que levaba sete anos traballando. O motivo é que os seus xefes crían que estaba de baixa e, polo tanto, supostamente, non podía desenvolver ningún tipo de actividade. Ao parecer, Cabaleiro quixo tomarse unhas vacacións do seu traballo co posible obxectivo de dedicar máis tempo á súa nova actividade de organización no Concello.

Pero o seu xefe negoulle os días de descanso. Casualmente, días logo de recibir a negativa os seus superiores recibiron o parte de baixa médica por dores de costas. Sospeitando que podía ser unha baixa fraudulenta, o responsable da empresa na que traballaba decidiu contratar a un detective para pescudar se o seu empregado estaba gardando o seu obrigado repouso.

Pero nada máis lonxe da realidade. O investigador comprobou que se movía con total liberdade de movementos pola Casa Consistorial. Hai gravacións realizadas con cámara oculta que así o testemuñan, subindo e baixando as escaleiras da Casa Consistorial, dando ordes aos empregados municipais ou atendendo nun despacho coma se non tivese ningún problema de saúde.

Despedido

Tras a suposta baixa fraudulenta, o edil marchouse de vacacións e, ao regreso a finais de agosto, foi despedido. Onte celebrouse un acto de conciliación en Vigo por medio do cal ambas as partes chegaron a un acordo económico para pór punto final a este caso e desvincularse Carlos Cabaleiro definitivamente da empresa, aínda que se mantén aberta unha denuncia ante a Seguridade Social por unha posible fraude dun representante dos cidadáns.


0 comentários:

Enviar um comentário