Manifesto

Os veciños e veciñas de Gondomar estamos indignados, estamos moi indignados; e así o vimos manifestando na rúa desde que se fixo pública a escandalosa moción de censura. Sexa cal for a nosa simpatía política, calquera que sexa a nosa orientación ideolóxica, os veciños e veciñas de Gondomar temos o deber de mostrar a nosa máis enérxica repulsa ante todo o que está a suceder no concello e que derivou nesta moción de censura inxustificable e absurda que só busca saciar os intereses particulares daquelas persoas que a promoven.

Os veciños e veciñas de Gondomar non merecemos que, outra vez, a trapallada e a ilegalidade volva ao urbanismo do Concello, non podemos permitir que de novo resucite o espírito da corrupción que no ano 2006 levou á detención de dous concelleiros do PP, non debemos, en fin, consentir que o caos e a desobediencia legal retornen a un concello que no período anterior estivo gobernado por un alcalde ao que os xuíces condenaron a ano e medio de cadea. Amais disto, os veciños e veciñas de Gondomar non precisamos a axuda de catro concelleiros tránsfugas, que en nome da salvación política da vila buscan o seu propio beneficio, vendendo a súa acta no concello e traizoando ós cidadáns e cidadás da vila que os votaron e ós que se deben en primeiro lugar.

En definitiva, os veciños e veciñas de Gondomar non podemos aceptar a inmoralidade de que acceda á alcaldía unha persoa que xa cometeu graves ilegalidades urbanísticas mesmo antes de acceder ao cargo. Un alcalde debe ser unha persoa íntegra, alguén que co seu comportamento exemplar e gran sentido cívico se converta nun irreprochable xestor, guiado pola eficacia e pola honradez fronte ós recursos públicos.

Xa que logo, esta moción de censura parécenos unha farsa irresponsable, unha comedia triste e patética e, sobre todo , un acto de malversación da política, pois a política ten como misión principal servir ó pobo e en ningún caso empregala en beneficio propio nin comerciar con ela ningún tipo de favores.

Os veciños e veciñas de Gondomar non queremos ser partícipes do discurso perverso e manipulado dos concelleiros que organizaron este golpe de man, desprezando as súas obrigas co pobo, o seu deber cívico e o sentido dunha democracia que os habilitou para ser hoxe o que son. Non queremos ser cómplices deste comportamento, inconsciente dunha oposición que botou abaixo toda a acción de goberno no Concello, facendo gala dun incansable afán destrutivo, e agora, logo de fomentar a confusión e o desgoberno, presenta unha moción de censura para facerse co poder baixo a escusa de que a parálise municipal é a consecuencia dun goberno en minoría.

Todo o mundo sabe que esta moción de censura non é democrática, seus intereses son alleos o servizo público e todos sabemos tamén que a acta de concelleiro non e unha parcela privada, e polo tanto, hai que exercela democraticamente, con responsabilidade. O pobo de Gondomar é consciente de que os tránsfugas, se fosen consecuentes, deberían marchar para a súa casa en canto deixan de representar ao seu partido.

Por iso, os veciños e veciñas de Gondomar esiximos que o anterior goberno municipal esgote o seu mandato, que os tránsfugas abandonen os seus cargos, deixando que os seguintes candidatos das listas ocupen os seus postos e que permitan por fin que a xustiza, a democracia e a honradez se instalen en Gondomar.

Despois de 30 días de non goberno o único que podemos resaltar é que a primeira decisión que toman é cortar as cadeas que impedían o paso de vehículos ao parque da Coelleira. Velaí a demostración da sensibilidade que teñen pólos pequenos. E, non faltaría mais!! O reparto de responsabilidades aínda que máis ben habería que dicir IRRESPONSABILIDADES: Facenda e Persoal, Carlos Silva, imputado por prevaricación; Lito Gregores, Educación (¿),; Alfonso de Lis, Urbanismo (¡!!!); Núñez , Gobernación, co asesoramento de Martínez Torea, avogado este que pronto veremos na nómina do Concello.

No primeiro pleno da Corporación non hai unha soa novidade: asuntos xa iniciados polo anterior Goberno. No próximo pleno as estrelas serán o reparto de soldos: ao tempo!

0 comentários:

Enviar um comentário