Improvisada xuntanza na Praza do Concello

Ó aire libre, na Praza do Concello; así é como se celebrou a xuntanza convocada pola Plataforma MOCIÓN = CORRUPCIÓN do pasado venres 7. Iso non impediu, así e todo, que aproximadamente un cento de veciños e veciñas asistisen á asemblea cargados con cadeiras e dispotos a aportar ideas. Deste xeito, na mítica praza improvisouse unha sala de xuntas onde se puideron discutir, co ruido dos coches de fondo e ante a ollada curiosa de transeúntes que, por casualidade, pasaban polo lugar, as novas accións que imos levar a cabo na vila contra a corrupción que se instalou no noso concello.

Pois ben, resulta que os veciños solicitamos a sala de xuntas da Casa da Cultura ou o auditorio municipal Lois Tobío; mesmo nos valía calquer outra sala nun dos moitos edificos municipais que presumiblemente estarían desocupados á hora en que se ía realizar a xuntanza (as 21:00)! Pero non, o goberno local declinou a nosa petición cun breve texto onde nin tan sequera se explicaban as causas polas que se nos denegou calquera destes espazos. Parece ser que na Casa da Cultura estábase a celebrar unha exposición -que casualmente remataba ás 20:00 horas- e no auditorio algunha obra de teatro pero nada se nos dixo da sala alternativa, ben no Centro Neural, ben nas vellas escolas.

A pesares deste revés, a xuntanza foi moi proveitosa e despois dun positivo debate decidimos seguir loitando para acadar o noso obxectivo de dignificar a vida política da vila de Gondomar e evitar que apareza diante do mundo como un lugar de corrupción, de transfuguismo e, en definitiva, de desvergonza política.

0 comentários:

Enviar um comentário